Saltar ao contido principal

Unha historia de 1886 ou un espello de 2026? Reflexións da nosa última lectura: "A morte de Iván Ilich"

 A primeira impresión que nos deixou a todos a lectura deste clásico de Lev Tolstói resúmese nunha soa palabra: tristeza. 

Ao inicio da novela, compartimos a visión de que Iván Ilich tivo unha vida exitosa segundo os canones da súa época: un bo posto xudicial, status social e unha vida burguesa perfectamente encarrilada. Cumpriu con todo o que se esperaba del.

O problema chega cando sofre un accidente doméstico e aparece a enfermidade. Falamos de como a enfermidade funcionou como un espello demoledor. A dor física desposúeo dos seus títulos e do seu orgullo, obrigándoo a mirar de fronte unha realidade que antes non vía (ou non quería ver): o baleiro absoluto da súa existencia e a falta de afecto real ao seu redor.

Un detalle que se subliñou especialmente no debate foi a incrible vixencia da novela. É impresionante que un libro escrito hai case 150 anos trate un tema tan de actualidade no día de hoxe como é a falsidade das convencións sociais. Cambiemos os salóns da Rusia tsarista polas redes sociais actuais e o escenario é o mesmo: unha constante coreografía de aparencias onde o importante non é ser, senón parecer. A desconexión e a hipocrisía que sofre Iván por parte dos seus compañeiros e da súa propia familia resultáronnos dolorosamente familiares.

Fronte a tanta frialdade, todas as olladas da sesión dirixíronse cara a unha figura fundamental: Guerasim. O mozo criado representou para o grupo o contrapeso perfecto da historia. Fronte a unha burguesía egoísta e incapaz de xestionar o sufrimento, Guerasim demostrou ter unha educación emocional e unha honestidade desbordantes. Sen discursos pretenciosos, só a través da compaixón pura e do coidado xenuíno, é o único capaz de aliviar a dor de Iván e de lembrarlle o que significa, de verdade, ser humano.

📌 Para reflexionar na casa

Como é habitual, a nosa moderadora deixou no aire dúas preguntas para levar a cabo unha reflexión persoal na casa:

1. Se alguén observase a túa vida desde fóra, como fan os personaxes coa de Iván Ilich, que dirías que valoras realmente? Coincidiría co que ti cres que valoras?

2. Hai algunha decisión, relación ou aspecto da túa vida ao que lle dedicarías máis atención se soubeses que o tempo é máis limitado do que pensabas?







Comentarios

  1. Quería engadir un detalle que me emocionou: a figura do fillo. Iván refírese a el case despectivamente como 'o colexial', pero no último suspiro, cando o neno lle colle a man e a bica, Iván serénase por completo. Credes que o fillo representa, xunto con Guerasim, esa inocencia e honestidade que a filla e a muller perderon por culpa das convencións sociais?

    ResponderEliminar
  2. Entre las muchas ideas, pensamientos y reflexiones que surgen tras leer esta magnífica novela, están la mirada de Tolstoi a través del protagonista sobre la Indiferencia y la Lástima: La indiferencia y superioridad del médico ante el enfermo en el momento del diagnóstico, similar a las que Ivan Illich mostraba como juez ante el acusado cuando dictaba la sentencia en el tribunal y..... la lástima: la lástima que no muestra su familia ( a excepción de su hijo), que sí muestra su criado Guerasim y que él necesita desesperadamente para paliar su dolor y su soledad. Sólo al final, cuando Ivan logra mirar a su familia con ese sentimiento de compasión ( "padecer con"), es cuando obtiene la Paz. Todos deberíamos entrenar la mirada porque todos, en algún momento, necesitaremos esa mirada de los demás.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario