Este mes de outubro o noso libro de lectura foi Las palabras de la noche (1961) da escritora italiana Natalia Ginzburg. É imposible desligar esta obra da experiencia persoal da autora, que viviu a segunda guerra mundial no seu país.
Na novela a narradora é Elsa, unha moza solteira de vinte e sete anos, que conta as peripecias dunha familia burguesa nun pobo italiano nos anos da guerra e da posguerra.
No relato van desfilando, entre outros habitantes, a familia do señor Balotta, dono da fábrica téxtil, os seus cinco fillos e o mozo que adoptara de neno, Purillo, que será ó que encomende a dirección do seu negocio malia o desprezo que lle inspira a el e á súa familia.
As vidas dos irmáns Balotta, Gemmina, Mario, Vincenzino, Raffaela e Tommasino desenvólvense entre os seus desexos e as decisións que finalmente toman, arrastrados pola necesidade de atopar unha seguridade na que non confían demasiado pero que eles estiman correcta : a impostura preside as súas vidas. A este comportamento ponlle fin abrupto Elsa, namorada do menor deles, quen, nun acto de lucidez e valentía, rexeita casar cun home que non a ama só polo qué dirán.
Toda a novela está atravesada polos efectos devastadores da guerra, que non só mata persoas senon que tamén deixa nos sobreviventes traumas e feridas fondas imposibles de superar. O comportamento e o sentir dos personaxes da novela non se poden entender sen esta experiencia vital. Ese pobo italiano convértese, dese xeito, nunha especie de cárcere onde non é posible afastarse das pantasmas do pasado e do presente: o irmán, o amigo, o coñecido, o mártir, o traidor. En palabras de Tommasino “ ¡Lo que puede pesar un pueblo! ¡Pesa como el plomo con todos sus muertos!”
A autora parece querernos dicir que a supervivencia psicolóxica despois dunha gran traxedia só é posible mediante o autoengano, inconsciente ou non, que practica a nai de Elsa e a súa comadre, preocupadas pola súa saúde e atarefadas nas nimiedades da súa tranquila vida cotiá. E é que o exercicio da lucidez ten un prezo que a meirande parte das persoas non está disposta a pagar.
A nosa moderadora deixounos dúas preguntas para reflexionar :
1. Canto hai na vida que levamos de decisión propia e canto de adaptación ao que esperan de nós a familia, a sociedade ou as persoas próximas? Hai algún aspecto no que esteamos vivindo máis para cumprir expectativas ca que para responder ao que realmente queremos?
2. Que cousas importantes deixamos sen dicir nas nosas relacións por medo a ferir, decepcionar ou cambiar o que xa está establecido? Que podería cambiar se nos atravésemos a expresalas?

A paisaxe que se debuxa nesta novela parécese moito á que queda despois dunha guerra civil. A desesperanza afecta a todos.
ResponderEliminar