Saltar ao contido principal

Follas que caen e o ritmo pausado: a benvida ao outono no noso Club de Lectura

O verán despídese no calendario, pero a calor teima en quedarse e resistir. Aínda así, case sen darnos conta, o outono empeza a tinguir a nosa contorna de dourados e ocres, traendo unha calma que, malia os termómetros, xa convida a baixar o ritmo. Para quen amamos os libros, o inicio desta estación segue a ser un dos momentos máis especiais do ano. É a escusa idónea para buscar a sombra ou un acougo fresco, preparar un café ou té —quizais desta volta con xeo— e gozar dese espazo de paz que sempre compartimos no noso club de lectura, Verbas Compartidas.

Esta transición estacional empúrranos de xeito natural cara á introspección. As horas de luz redúcense e a natureza ensínanos que, para renovarse, primeiro hai que aprender a baixar o ritmo e soltar.

A desconexión outonal convídanos a deternos e encaixa á perfección co pensamento de Byung-Chul Han, o aclamado filósofo surcoreano-alemán galardoado co Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.

Na súa célebre obra La sociedad del cansancio, o autor regálanos unha radiografía impecable do mundo actual. Advírtenos de que vivimos na sociedade do "rendemento", onde nos autoesiximos estar sempre activos, producindo e conectados. Convertémonos nos nosos propios xefes e, á vez, nos nosos propios explotadores, confundindo a liberdade co exceso de traballo.

Fronte a este esgotamento crónico, Han reivindica o poder da contemplación e a necesidade de aprender a aburrirse ou, simplemente, a non facer nada. O outono é o recordatorio perfecto desta filosofía: a natureza non produce de xeito constante; precisa pararse, desnudarse e descansar para poder florecer de novo. A lectura no club Verbas Compartidas é, precisamente, un deses poucos espazos de resistencia que nos quedan para deter o reloxo e agasallarnos un tempo que non busca ser produtivo, senón puramente humano.

Queremos que este recuncho de Verbas Compartidas  sexa un espazo de encontro vivo, polo que vos deixamos unha pregunta para o debate:

Fronte á présa e á autoesixencia que describe Byung-Chul Han, é a lectura o voso refuxio para desconectar e descansar a mente?

¡Lémosvos nos comentarios!

 


 

 

 

Comentarios