Saltar ao contido principal

As alumnas (Paula Carballeira)

As alumnas (Editorial Galaxia), a obra teatral de Paula Carballeira galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática, é un emotivo tributo á escola laica e libre. 

A historia sitúase en 1970, ano no que Elvira e Rosa se reencontran no enterro da súa antiga mestra, a pedagoga María Barbeito, depurada polo franquismo. Sendo as únicas que mantiveron contacto con ela mediante cartas, este tenso reencontro serve para que ambas confronten as distintas decisións e medos que asumiron para sobrevivir nunha sociedade que truncou a súa liberdade.

No debate do club de lectura, analizamos o impacto e as imaxes gravadas que deixa a obra, así como a inevitable empatía cara a Rosa ou Elvira. Discutiuse a fondo o peso das decisións de cada unha, marcadas polo trauma, e reivindicouse a figura ausente pero omnipresente de María Barbeito como motor do ensino innovador.

Finalmente, a sesión serviu para reflexionar sobre os temas de actualidade que resoan na peza hoxe en día. A loita polos dereitos das mulleres, a defensa das liberdades educativas,..

Coma sempre, a moderadora propónnos dúas preguntas para levar para a casa: 

Que mestra, mestre ou persoa vinculada á educación deixou unha pegada importante na túa vida e que aprendiches dela que siga acompañándote hoxe? 

Se dentro de cincuenta anos alguén tivese que reconstruír a memoria da nosa época, que feitos, valores ou experiencias che parecen importantes que non se esquecesen? 

 


 

Comentarios