Saltar ao contido principal

O CURIOSO INCIDENTE DO CAN A MEDIANOITE ( Mark Haddon)

No mes de maio a proposta de lectura foi a versión galega dunha novela inglesa publicada en 2003.

Christopher, un adolescente autista que vive co seu pai nunha pequena cidade inglesa, decide investigar a morte violenta do can da súa veciña. Aínda que posúe unha gran capacidade intelectual para as matemáticas e a lóxica, cústalle moito entender as emocións e as relacións sociais dos adultos. Christopher, no entanto, emprende unha investigación detectivesca en toda regra, o que lle levará a realizar descubrimentos insospeitados sobre os seus propios dotes de interpretación e sobre sucesos familiares que o seu pai lle ocultara. Como consecuencia , a relación entre ambos deteriórase e Christopher emprende el só unha viaxe iniciática a Londres en busca da súa nai.


Nesta novela o autor, que traballou durante anos con menores con necesidades educativas especiais, ábrenos a mirada sobre a mente , as emocións e, en definitiva, o mundo dun neno autista e esa mirada resulta ser empática pero non compracente ou idílica: ademais de mostrarnos as loitas interiores do protagonista, non nos aforra a descrición do sufrimento, a dor e o alto custo emocional para os adultos ao seu cargo, o seu pai e, especialmente, a súa nai, así como o desacougo, a ansiedade e os medos que Christopher debe afrontar ante situacións límite e ante un mundo que non é quen de entender.

Ao final, resulta moi gratificante para o lector contemplar o logro académico do rapaz; poder acceder ao bacharelato de ciencias. 

Quizá, ao fío deste relato, deberiamos lembrar que todos, a pesar das nosas eivas, feridas e imperfecións, somos seres dignos e podemos e debemos realizar o esforzo por atopar o noso lugar no mundo , en definitiva, ese esforzo que fixemos e aínda estamos a facer mentres vivimos.

 

Algunha vez sentiches unha sensación de soidade e incomprensión por parte das persoas do teu arredor comparable a que sofre o protagonista do libro??? 


 

Comentarios

  1. Cualquier persona, no sólo las que sufren discapacidades psiquicas, puede sentir en la vida soledad y un sentimiento fuerte de incomprensión por parte de quienes le rodean.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario