Saltar ao contido principal

El gigante egoísta (Oscar Wilde)

 Despois de viaxar polos asteroides co Principiño, a nosa segunda parada en Verbas Compartidas levounos a cruzar as portas dun xardín moi especial. A lectura de O xigante egoísta, de Oscar Wilde, espertou un debate magnífico na nosa comunidade sobre o valor do que compartimos e as consecuencias de illarnos.

Nesa historia, o inverno eterno non é un fenómeno de natureza, senón a consecuencia directa do illamento. Cando o xigante decide erguer un muro para protexer o que considera "seu", o que realmente consigue é conxelar o seu propio mundo.

Está é unha metáfora desgarradorra e moi vixente sobre como o individualismo e a falta de empatia acaban por desertizar as nosas vidas. Cando nos pechamos ao exterior por medo a compartir, somos nós mesmos os que quedamos atrapados no frío. O núcleo máis potente do relato brilla no momento da transformación. A primaveira non regresa ao xardín polo simple paso do tempo, senón pola fenda que permite entrar aos nenos. 

 Reler a Oscar Wilde neste segundo paso do club permítenos afondar no verdadeiro significado de compartir e habitar o espazo común. O xigante egoísta ensínanos que a verdadeira beleza e a abundancia nunca nacen da posesión nin do acaparamento, senón da apertura cara aos demais.

 O tramo final do conto foi, sen dúbida, o momento máis aceso da nosa conversa. A aparición das feridas dos cravos nas mans do neno e o convite a viaxar ao «xardín do Paraíso» fixéronnos preguntar: fronte a que estamos realmente?

Debatemos sobre se Wilde nos estaba a ofrecer unha parábola abertamente cristiá sobre a redención e a graza, ou se pola contra se trata dunha metáfora máis universal e espiritual sobre o amor e a transcendencia. Sexa cal sexa a interpretación, o que está claro é que a despedida do xigante deixa un poso de paz profunda e unha luz moi especial ao peche da historia.

O muro xa caeu. O xardín está aberto para seguir sementando lecturas en comunidade.


E ti, cres que hoxe en día seguimos erguendo muros invisiblemente?


Cal cres que é o máis difícil de derrubar na nosa sociedade para deixar entrar a primavera?

 


 

Comentarios